Axudas para a atención de nenos menores de 12 anos (programa Bono coidado)

Data: 
martes, 12 Marzo, 2019
Obxecto: 

Regular a concesión e convocar axudas económicas ás familias con nenos e nenas menores de doce anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen dun recurso personalizado a domicilio para cubrir necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan entre o 1 de outubro de 2018 e o 30 de novembro de 2019.
Persoas beneficiarias
Pais/nais, titores/as, ou as persoas que teñan en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva nenos/as menores de doce anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:
a.       Ter unha nena ou un neno nada/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2006 cando o servizo para o cal se solicita axuda se recibise no último trimestre do ano 2018, e con posterioridade ao 31 de decembro de 2007 para aqueles que se reciban durante o período subvencionable do ano 2019.
b.       Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do ano 2017.
c.        Cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Tipo de axuda
Consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio e/ou de servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social para atender necesidades puntuais -ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia- previstos na sección quinta do capítulo III do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, nos seguintes supostos convenientemente acreditados:s:
a.       Enfermidade do/a menor e imposibilidade de ser coidado/a polos membros da unidade familiar.
b.       Enfermidade da persoa coidadora habitual.
c.        Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación.
d.       Situacións puntuais de carácter laboral ou de coidado, tanto do cónxuxe ou parella como de familiares ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, que impidan que os membros da unidade familiar atendan o/a neno/a.
Concederase un máximo de 80 horas por familia para a totalidade do período subvencionado. O número total de horas concedido incrementarase un 15 % por cada fillo/a menor de doce anos a partir do primeiro.
Contía
Estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo cos seguintes tramos:
a.       Ata 3.750 euros: 14 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 100 % do importe facturado, cun límite de 5 €/hora para o resto de servizos.
b.       Superior a 3.750 e ata 7.500 euros: 11 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 80 % do importe facturado, cun límite de 4 €/hora para o resto de servizos
c.        Superior a 7.500 e ata 10.000 euros: 9 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 65 % do importe facturado, cun límite de 3,25 €/hora para o resto de servizos
d.       Superior a 10.000 e ata 13.500 euros ou superior dentro dos límites establecidos para poder ser beneficiario: 7 €/hora no caso de servizos a domicilio ou o 50 % do importe facturado, cun límite de 2,5 €/hora para o resto de servizos.
As mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán en todo caso a axuda prevista na letra a).
Período subvencionable
Desde o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de novembro de 2019.

Fase de tramitación:
Prazo de solicitude/presentación: 

30 de novembro de 2019