Medio centenar de persoas tomaron parte en Valdoviño na xornada formativa sobre a promoción de destinos

Organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, coa colaboración do Concello, e ao abeiro do convenio asinado coa Axencia Turismo de Galicia para a promoción do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, Valdoviño acolleu onte á tarde unha xornada de formación dirixida ao sector do turismo activo e de surf –nomeadamente ás empresas que conforman a oferta de Activo 365 e Costa das Ondas- así como aos concellos que conforman o xeodestino. Coa participación de TripAdvisor como un dos principais reclamos, tivo moi boa acollida entre o sector e nela tomaron parte 50 persoas. Segundo explicaba o alcalde, Alberto González, o obxectivo da mesma era explicar como mellorar a promoción e comercialización de produtos, destinos e experiencias.

Deste xeito, arrancaba ás 18 horas no Cámping de Valdoviño, e o programa comezaba abordando a normativa autonómica e oportunidades de financiamento no sector do turismo activo e do surf. Enfocado principalmente ás escolas de surf, Jacobo Suárez, xerente da empresa Goodlife Consultores, falaba da normativa autonómica no que respecta a este tipo de entidades e expoñía as oportunidades de financiamento público para a creación de novos proxectos profesionais de turismo activo e de surf ou ampliación dos existentes.

De seguido, TripAdvisor falaba da mellora da promoción e comercialización de produtos, destinos e experiencias a través de plataformas online. Dous dos seus integrantes, expertos en destinos e experiencias, acudían á xornada para informar e formar ás empresas sobre as novas tendencias de promo-comercialización facendo fincapé no turismo activo, ofrecéndolles recomendacións prácticas para que ofertasen os seus servizos e produtos da forma máis axeitada. Aínda que tamén falaban sobre a mellora e a xestión da reputación online, explicando como sacar partido ao perfil das entidades na plataforma, o principal atractivo era a información sobre a publicación de experiencias na que o xeodestino pode aportar unha serie de actividades e servizos que o diferencian e o posicionan no segmento do turismo activo e do surf. Ademais explicaban a mellora do posicionamento como destino, co obxectivo de darlle ferramentas ao territorio en promoción e comercialización online.

A xornada concluía cun Networking.