Manifesto Día Internacional da Muller

“Cada 8 de Marzo reivindicamos o papel da Muller no mundo, celebrando os dereitos conquistados e o progreso cara unha sociedade máis xusta e igualitaria. Foi a determinación, a loita feminista, a unión de todas as persoas que cos seus actos e palabras conseguiron cada pequena gran victoria. A herdanza que as mulleres da nosa historia deixaron son as pegadas que seguimos para seguir a dar voz a cada muller silenciada en calquera punto do mundo. Labregas que sementaron o noso presente, coidadoras da dignidade e o respeito. Todas elas activistas que nos amosaron o camiño que estamos a seguir, tecendo a rede que hoxe nos sostén. Eses valores e a forza da unión é sobre o que se debe asentar o traballo político, impulsando medidas que devolvan ás mulleres o que é seu, que empoderen ás nenas para non ceder nos seus dereitos, e para dar a oportunidade aos nenos do presente de vivir a súa vida libre dos estereotipos que oprimen e limiten un desenvolvemento pleno e feliz. Dende o Concello de Valdoviño comprometémonos a traballar nesta liña, para erradicar aqueles comportamentos, feitos ou circunstancias que poidan evitar unha igualdade de oportunidades real, recoñecendo e visibilizando as diversas realidades nas que se pode vivir e apostando por unha comunidade aberta e plural. Cada 8 de marzo, Valdoviño segue na loita polos dereitos das mulleres”