O Concello adxudica por 166.980 euros as obras de acondicionamento das primeiras 25 rúas, pistas e camiños dun conxunto de 40

A Xunta de Goberno Local aprobaba esta semana a adxudicación provisional de 25 obras de acondicionamento de pistas, camiños e rúas en todas e cada unha das parroquias do municipio. En suma, o Concello investirá 166.980 euros a financiar con cargo ó POS+ 2018 da Deputación provincial da Coruña. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, avanzaba a adxudicación e, ao mesmo tempo, pedía desculpas á veciñanza polo retraso no proceso de contratación das intervencións e aseguraba ser consciente da urxente necesidade das actuacións dado o avanzado estado de deterioro de pistas e camiños, sen traballos de calado nos últimos sete anos. Durante os últimos meses, e para tentar paliar a situación á espera da contratación destas obras, o Concello levou a cabo obras de rebacheos, aínda que se trataba dunha solución provisional. A implantación da administración electrónica no Concello motivou retrasos que agora están superados e o rexidor confía en que nas vindeiras semanas estas intervencións poidan dar comezo.
 
Así mesmo, Alberto González explicou que se realizarán obras en todas as parroquias sen excepción atendendo ó seu estado de deterioro e o prazo de execución está estipulado en seis meses.
 
As intervencións adxudicadas completaranse con outras 15 actuacións, neste momento en fase de licitación.
 
Deste xeito, as primeiras intervencións son as seguintes: en Valdoviño (Avenida Couce Casas (270 metros en dous treitos), Camiño ó Mirador (450 metros), Camiño á Lagoa (750 m); Lago (Camiño Vilar-Ramal dereita (650 m), Camiño do Broño (220 m), Camiño do Canteiro (270 m), Camiño Outeiro-Cruceiro (100 m), Camiño Castido polos Freires (500 m), Camiño do Golpiño (150 m); en Loira (Camiño Furada, 225 m); en Meirás (Camiño fronte a Abuela Manola (180 m), Camiño paralelo a campo da festa (255 m)); en Pantín (Acceso ó Castro (600 m), Camiño O Talieiro (400 m), Camiño a Arnela (1.450 m), Acceso a Xabarís (560 m)); en Sequeiro (Camiño do Casal (1.355 m), Camiño Cruce San Bartolo (325 m) e Camiño estrada xeral a San Andrés (325 m)); Vilarrube (Camiño Aquenjo-Estrada Cedeira (950 m), Camiño no Porto (470 m), Camiño Vilarrube-Vilaboa-Arnela (3.500 m) e Folgueiras (1.450 m)) e Vilaboa (Camiño San Pedro a Vilaxe (950 m)).