O Concello adxudica as obras para habilitar o primeiro campo de fútbol de herba artificial de Valdoviño

Valdoviño contará este ano co seu primeiro campo de fútbol de herba artificial. Esta mañá, o alcalde, Alberto González, informaba da aprobación en Xunta de Goberno Local da adxudicación dos traballos de construción. Nas obras investiranse 268.519,45 euros procedentes dunha achega da Deputación provincial da Coruña e o contrato estipula un prazo de execución de 7 meses.

Agora, abrirase un prazo para que a empresa adxudicataria entregue a documentación requerida para a firma do contrato e o correspondente plan de seguridade. A partir de aí, iniciaranse os traballos.

A intervención levarase a cabo no campo de fútbol municipal de Mourente. Unhas instalacións que son utilizadas na actualidade pola SD Valdoviño e esporadicamente polos veteráns do equipo de Lago.

Con esta actuación, o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, sinala que o Concello quere solventar as graves deficiencias do terreo de xogo, xa existentes dende a súa construción, e que impiden que o seu uso poida ser continuado. Coa nova dotación, ademáis de aforrar en gastos e gañar en eficacia en canto ao seu mantenemento, o Concello facilitará a práctica deportiva no municipio. E é que o fútbol conta cun número moi elevado de seguidores e xogadores en Valdoviño e, boa proba disto, son os cinco equipos de fútbol existentes na localidade.