O alcalde destaca a crecente actividade internacional de DETEGASA, unha das pemes beneficiarias do programa “Galicia Exporta Empresas”

O alcalde, Alberto González, visitou esta mañá, xunto ao delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, as instalacións de DETEGASA (Desarrollo Técnicas Industriales de Galicia) en Sequeiro. O rexidor salientou que esta empresa de Valdoviño, con máis de 50 anos de experiencia, é todo un referente a nivel nacional e, cada vez máis, internacional. Lembrou que a día de hoxe está presente en máis de 40 países de todo o mundo. Deseña, fabrica e comercializa equipos e sistemas de xestión de residuos en buques de guerra, mercantes e instalacións offshore, asegurando un continuo e eficaz apoio ao ciclo de vida, e avanza cara un proceso de internacionalización imparable.
 
Precisamente, o seu bo facer fíxooa merecedora dunha das axudas do programa Galicia Exporta Empresas, co que se busca apoiar o impulso á internacionalización das pemes galegas.
 
DETEGASA é unha das 261 empresas beneficiarias do plan autonómico que, no seu conxunto, facilita o desenvolvemento de accións en 97 mercados de todo o mundo, como a creación de tendas online, a participación en feiras e eventos internacionais e a planificación de axendas de reunión no estranxeiro ou seguimento de clientes. Durante o pasado exercicio, o programa Galicia Exporta Empresas do Igape concedeu axudas por valor de preto de 5 millóns de euros e, ao respecto, lémbrase que a convocatoria de solicitude de axudas para levar a cabo accións durante o 2019 e a primeira metade do 2020 xa está aberta.