Conclúen os traballos de renovación da cuberta e accesibilidade ao centro de saúde

O responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, Ángel Facio, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Alberto González, e do xefe de servizo, Kamel Saaddedine Moussa, o centro de saúde do municipio para supervisar o remate das últimas obras impulsadas pola Consellería de Sanidade e o Concello de Valdoviño nestas instalacións sanitarias. Unha visita de fin de obra na que tamén tomaron parte os concelleiros de Servizos, Benito Vega, e Obras, Alejandro García. A intervención realizada contemplou a renovación da antiga cuberta do centro, que mantiña a uralita orixinaria da súa construción, e a mellora da accesibilidade ó centro. No seu conxunto, ambas administracións investiron 54.000 euros, dos que 40.000 foron aportados por Sanidade e 14.000 polo Concello.
 
Segundo explicaron xerente e alcalde, a substitución da cuberta e instalación de novos canalóns mellorará o illamento e evacuación das augas e permitirá poñer fin ás filtracións e humidades rexistradas ata o momento polo avanzado estado de deterioro da antiga infraestrutura.
 
Así mesmo, os traballos para mellorar a accesibilidade exterior do inmoble consistiron no rebaixe das beirarrúas e na construción dunha plataforma na entrada principal a nivel coa propia beirarrúa, facilitando así a mobilidade das persoas en cadeira de rodas e con carriños de bebé, pero tamén da poboación en xeral. Ó mesmo tempo, aumentouse o ancho da rampla de acceso sita nun dos laterais do inmoble e, nos próximos días, dotarase dunha varanda.  
 
Por último, procedeuse ó arranxo e afianzamento dos piares do acceso, que sirven de sustento para a cuberta da entrada principal.
 
Nesta liña, alcalde e xerente puxeron en valor a relación de colaboración entre ambas administracións a prol dun mellor servizo e atención sanitaria. Unha colaboración que, nos últimos tempos, se ten traducido noutras importantes intervencións de mellora. Así, recentemente, o Sergas procedía á reforma e ampliación da consulta para a matrona, cunha nova sala para educación maternal ; á reorganización dos espazos no segundo andar, creando unha nova consulta e unha sala de estar para os profesionais sanitarios; á creación dunha sala de extraccións con catro postos no andar baixo, e á reforma do espazo destinado a admisión.