A consulta médica no Centro de Saúde de Valdoviño trasládase este sábado ó Centro de Narón polas obras na cuberta

O alcalde, Alberto González, informou hoxe de que a consulta médica do sábado pola mañá que atende un facultativo e unha enfermeira no Centro de Saúde de Valdoviño trasladarase esta semana ó Centro de Saúde de Narón, onde os veciños e veciñas que precisen atención médica serán atendidos e atendidas. Explicou que Sergas e Concello vense na obriga de adoptar esta decisión polas obras de renovación da cuberta que están a impulsar Xunta e Concello, así como que o luns o centro recuperará a normalidade.
 
A intervención traerá consigo a substitución do tellado de uralita orixinario da construción, moi deteriorado polo paso do tempo e con problemas de filtracións, por unha nova cuberta que mellorará o illamento das instalacións sanitarias. Esta actuación estase a realizar en paralelo con outras obras para a mellora da accesibilidade e reforzo dos pilares da entrada. No seu conxunto, as intervencións suman un investimento de 54.000 euros que financian Xunta e Concello.