O auditorio municipal acollerá este venres o pase do filme galego Sicixia

A Concellería de Cultura de Valdoviño convida a veciñas e veciñas a asistir á proxección do filme galego Sicixia, do director Ignacio Vilar. Será este venres, 21 de decembro, a partir das 20,30 horas no auditorio municipal, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. O pase, incluído na Rede Cultural da Deputación, está recomendado para persoas maiores de 12 anos.
 
Sicixia é unha longametraxe de ficción rodada na Costa da Morte, considerada na Antigüedade o punto máis occidental de Europa, Finisterrae, para os romanos. O filme, cunha duración de 98 minutos, retrata o inigualable patrimonio da Costa da Morte, mesturando ficción e realidade. Cada fotograma bebe en cada secuencia e matiz das xentes e da singularidade desta terra.
 
Narra a historia de Xiao, enxeñeiro de son, que recibe un encargo para gravar os singulares sons de Costa da Morte. Alí coñece a Olalla, unha guía local que recolle algas no océano Atlántico e que lle axudará a mergullarse na idiosincrasia do lugar. A partir de aí, nesa lexendaria Finisterrae, as súas vidas fuxirán ao seu control coma mareas rexidas por unha lei superior.
 
Conta no seu elenco con Monti Castiñeiras, Marta Lado, Arantza Villar, Artur Trillo, Daniel Trillo e Tamara Canosa.