O Concello destinará 468.295,68 euros a obras en locais veciñais e instalacións deportivas e infraestruturas de saneamento

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de aprobar un importante paquete de intervencións por un importe superior ós 468.000 euros con cargo ós diferentes plans e axudas provinciais. O pleno daba luz verde ós investimentos no día de onte, cos votos a favor de PSOE, BNG e Centristas e a abstención do PP. Así, no marco do plan complementario, o rexidor avanzou que se destinarán 100.372,51 euros á reforma dos locais sociais de Loira e Vilaboa. No primeiro caso, acondicionarase o antigo palco da música para dotalo da funcionalidade necesaria para acoller actividades propias da entidade veciñal.
 
Ademais, na mesma liña de axudas, Alberto González avanzou que o Concello levará a cabo dúas actuacións de eficiencia enerxética no pavillón municipal do Longoiro, cun orzamento de 18.297,62 euros, e no campo de fútbol de Mourente, por un importe de 47.701,54 euros. Nos dous casos, substituiranse as lámpadas por LEDs para conseguir un mellor servizo, reducir a contaminación lumínica e tamén aforrar na factura eléctrica. No caso do campo de fútbol, tal e como explicou o alcalde, a súa conversión en campo de herba artificial –obras actualmente en licitación- ampliará sen dúbida as súas posibilidades de uso e horarios, facendo aínda máis necesaria esta intervención.
 
Con cargo ó préstamo provincial 2019, o Concello afrontará a renovación da cuberta do pavillón do Longoiro que, pola súa antigüidade, sufre un deterioro notable que ten dado lugar a goteiras e humidades. Así, investiranse 72.167,83 euros. E, por último, o alcalde avanzou que se destinarán os 229.756,18 euros da Achega provincial do 2018 a diferentes proxectos para complementar e extender as redes de saneamento e abastecemento en zonas puntuais das parroquias de Lago, Meirás e Valdoviño, hoxe sen servizo.
 
Finalmente, a Achega provincial do 2019, uns 258.000 euros, destinarase integramente a gasto corrente, o que permitirá redistribuír partidas do orzamento e destinar fondos a programas do ámbito deportivo, cultural e social.