O Concello solicita á Xunta a consideración de tramos urbanos para a marxe dereita do areal da Frouxeira e da zona sur da praia do Río

O alcalde, Alberto González, explica que a declaración evitaría as restriccións actuais para a instalación de servizos vinculados ós areais
 
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá de que o Concello vén de presentar alegacións á proposta da Xunta de Galicia, xa de carácter definitivo e en aplicación da Lei de Costas, de establecer a consideración de todas as praias do municipio como naturais. Explica que o obxectivo é lograr a declaración de tramos urbanos para a marxe dereita da praia da Frouxeira, dende o cámping municipal ata a praia pequena, e da zona sur da praia do Río, en Meirás. ¿O obxectivo? Evitar as restriccións que conleva tal declaración dende o punto de vista da explotación do areal ou as limitacións para a implantación de negocios de hostalería ou ocio, sempre provisionais, vinculados á praia.
 
Alberto González lembra que, ó estar en Rede Natura, a Xunta considera que todas as praias de Valdoviño teñen carácter natural, co que está a impedir que nos areais máis urbanos como os sinalados se dispoña de servizos de cara ós turistas e ós veciños. Apunta que no caso da Frouxeira a declaración como urbana solicitada polo Concello reduciríase á zona xa afectada por actuacións previas da propia Demarcación, como as realizadas para a instalación dun negocio hostaleiro, dotación de aparcadoiro ou construción de pasarelas. Pola súa banda, na zona do areal de Meirás esa consideración como urbana localizaríase na área de emprazamento dos negocios de restauración e hostalería xa existentes.
 
Trataríase de ampliar as posibilidades de ocio e disfrute destas zonas evitando as restriccións actuais e, neste sentido, o alcalde pon como exemplo as distancias para autorizar a instalación de establecementos provisionais como poden ser os coñecidos como chiringuitos de praia. Nas praias urbanas é de 100 metros e, nas naturais, de 300. Na práctica, a día de hoxe, o Concello tan só pode conceder unha única autorización para todo o areal da Frouxeira cada ano.