A comunidade educativa do CPI Atios logra convertir o centro nun espazo cardioprotexido

Agora si. O CPI Atios é oficialmente un espazo cardioprotexido. Un logro colectivo da comunidade educativa. Foi a ANPA Beiramar quen impulsou hai pouco máis dun mes unha campaña solidaria, ó abeiro da iniciativa Proyecto Salvavidas, coa que lograr un desfibrilador para o centro mediante a venda de pulseiras. A resposta non puido ser máis positiva por parte de alumnado e veciñanza e non só se superou o obxectivo das 600 pulseiras vendidas, mínimo para acadar o ansiado material, senón que a cifra superou as 1.500. ¿O resultado? A campaña permitiu dotar ó CPI dun desfibrilador, dous maniquíes de Resucitación Cardiopulmonar Básica (un júnior e outro adulto), un desfibrilador de adestramento e unha mochila de emerxencias, amais da vitrina e a sinaléctica. Material que reemplazará a partir dagora o cedido de forma temporal polo Concello a petición da propia ANPA nunha xuntanza co alcalde, Alberto González.
 
Onte dábase o paso definitivo para converter o centro nun espazo cardioprotexido. Coa colaboración de persoal sanitario, a maioría deles nais e pais de estudantes do CPI, a ANPA organizaba os necesarios cursos de formación. Os médicos Francisco Rascado Sedes, Yessica López Curbeira e Ana Pérez Fernández, e a enfermeira Pilar López-Sastre eran os encargados de impartilos e o certo é que todo o persoal –docente e non docente- volcouse coa iniciativa. Ninguén fallou e dirección, mestres e persoal do comedor asistiron ós cursos para formarse no manexo do desfibrilador.  
 
Un éxito colectivo posible grazas á implicación de todos que vén a converter ó CPI Atios nun espazo máis seguro.