Valdoviño é recoñecido como Mellor Concello de Galicia en materia de xestión deportiva

O alcalde, Alberto González, xunto ó concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, desprazábanse o pasado sábado a Ourense para recibir, na gala dos IX Premios Galicia á Xestión Deportiva, o Galardón que acredita a Valdoviño como o Mellor Concello de menos de 15.000 habitantes. Os premios son concedidos pola Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE) e a decisión, segundo apunta a organización, adoptouse por unanimidade.
 
Nesta liña, o alcalde valorou moi positivamente o galardón, que considera un recoñecemento a tres anos de intenso traballo por parte do Concello. Tres anos nos que Valdoviño se ten consolidado como a capital galega do surf tanto pola celebración das grandes competicións e citas deportivas –sen ir máis lonxe, neste 2018 foi escenario do Campionato de España de Surfing, do Campionato Mundial de Waveski Surfing e do XXXI Pantín Classic- senón pola incesante actividade que se leva a cabo durante todo o ano impulsada especialmente polas escolas de surf que operan  no municipio.
 
Tres anos nos que o Concello ten apostado por desestacionalizar a actividade deportiva a través da celebración de eventos durante todo o ano e, sobre todo, en todo o territorio municipal, con accións como a Milla Urbana, a Volta ás Forcadas, a Carreira sobre a Area ou o Día da Bicicleta. Unha aposta pola descentralización, neste caso, que se ten extendido a toda a oferta de actividades municipais, coa posta en marcha de clases de ximnasia en todas as parroquias, por citar algún exemplo. De igual modo, foi unha constante a promoción do deporte de verán, coa recuperación do programa OcioSol, e doutras disciplinas como o tenis ou o tiro con arco, onde Valdoviño se está a facer un importante oco na escea galega. Ademais, o Concello vén realizando un importante esforzo para a organización de deportes náuticos, máis aló do surf, nunha contorna única como é o encoro das Forcadas, onde se levan a cabo cursos de vela ou kaiak. E tamén, como non, un recoñecemento ó apoio brindado ós clubs do municipio.
 
Unha actividade que o Concello acompañou en todo momento coa mellora ou creación de novas infraestruturas deportivas tal que a extensión da rede de parques biosaudables do municipio ou a posta en servizo da pista multideporte da Frouxeira.