O Océano Surf Museo cumpre o seu primeiro ano

O Concello organiza este domingo unha xornada de portas abertas con visita guiada da Pantín Surf Camp, unha das escolas promotoras, xunto ó Concello, destas instalacións pioneiras en España
 
O Océano Surf Museo, o único en España adicado en exclusiva ó surf, cumple este 1 de decembro o seu primeiro ano de vida. Un ano no que recibiu a visita de preto de 1.500 persoas e se foi, pouco a pouco, consolidando como un espazo de parada obrigada. Por ese motivo, o alcalde, Alberto González, avanzou que o Concello de Valdoviño organizará este domingo, 2 de decembro, unha xornada de portas abertas especial, con visita guiada por parte da Pantin Surf Camp, unha das escolas locais promotoras do museo xunto ó propio Concello. Serán os seus responsables os encargados de guiar a todo aquel que o desexe por este espazo único que ten na historia do surf en Galicia o seu fío conductor. A partir de aí, iniciarase un percorrido por este deporte dende as súas mesmas orixes ata os nosos días, apoiándose para isto en textos, planos, ilustracións, pezas orixinais, fotografías, audiovisuais ou realidade virtual. E, como espazo destacado, o Pantín Classic, protagonista en exclusiva dunha das salas. Non se precisa inscrición previa, tan só presentarse ás 12 horas no museo.  
 
A apertura do Océano Surf Museo marcaba hai agora un ano un novo hito do municipio na súa especial vinculación co surf e a súa historia no noso país. Está ubicado na Casa da Cultura, edificio singular Premio Nacional de Arquitectura e obra do prestixioso arquitecto Manuel Gallego Jarreto. Ocupa a súa primeira planta, unha gran galería acristalada aberta á praia da Frouxeira e válese tamén da sala de exposicións do inmoble para impulsar mostras temporais e do auditorio, como escenario de ciclos de cine, festivais de música ou charlas e congresos. Todo isto cun fin: facer do museo un espazo vivo e en continúa construción.
 
O alcalde, Alberto González, lembra que para facelo posible foi necesaria a implicación do GALP A Mariña-Ortegal, que destinaba unha achega de 100.000 euros para completar a aportación municipal, doutros 50.000. De feito, sinala que a partir dese momento xurdiu por parte de empresas e particulares un interese crecente pola liña de subvencións e mesmo o Concello organizaba unha charla para informar dela. A consecuencia, directa ou derivada, foi a posta en marcha de novos negocios vinculados ó sector turístico creados ó abeiro desas axudas.
 
Precisamente ese é un dos obxectivos que perseguía o Concello co Océano Surf Museo. Alberto González engade: «queríamos consolidar a posición de Valdoviño como destino turístico de referencia en España e Europa, aumentando a oferta de actividades culturais e deportivas, o que permite prolongar a estancia media dos turistas e, en consecuencia, repercute positivamente na hostelería, restauración, comercio e hospedaxes». Tamén, engade, favorece a desestacionalización do turismo e, sobre todo, permite consolidar e xenerar proxectos profesionais vinculados ó surf.
 
A entrada ó museo é gratuíta e pode visitarse de luns a venres de 12 a 14 horas e fins de semana e festivos de 12 a 14 e de 16 a 19 horas.