A contorna da antiga igrexa e camposanto de Loira albergará os Contos do Demo

A contorna da antiga igrexa e camposanto de Loira será escenario, por terceiro ano consecutivo, dunha das propostas centrais do Concello de Valdoviño para conmemorar o Samaín. Nesta ocasión, o narrador Inacio Vilariño traerá á parroquia os seus Contos do Demo. Contos populares que xiran ao redor da figura do demo con historias engaiolantes que combinan suspense e humor a partes iguais. O espectáculo celebrarase este xoves, Día de Todos os Santos. Ás 18 horas, o Concello convoca a nenos e maiores na zona de acceso ás naves de Cándido Hermida. Dende alí, iniciarase unha marcha ata a antiga igrexa. Como é tradición, o Concello anima ás persoas participantes a acudir con vestimenta propia das datas e tamén algún elemento luminoso para o regreso, xa que se realizará entrada a noitiña. En caso de choiva, a actividade realizaríase no auditorio da Casa da Cultura.
 
Na actividade, colabora o CRA O Esquío, que levará toda unha serie de cabazas para ambientar o lugar elaboradas polos seus alumnos e alumnas nas clases.
 
Así mesmo, no marco da programación do Samaín, o auditorio da Casa da Cultura acollerá o venres, 2 de novembro, a proxección do filme El ataque de los muertos sin ojos, do finado director coruñés Amando de Ossorio. Unha película estreada hai 45 anos, hoxe referencia no cine de terror español. Con entrada de balde e libre ata completar aforo, o pase dará comezo ás 20 horas e está dirixido a un público maior de 16 anos.