Obxectivo: converter o CPI Atios de Valdoviño en espazo cardioprotexido

As nais e pais que integran, dende o pasado mes de xuño, a nova directiva da ANPA Beiramar de Valdoviño veñen de poñer en marcha unha campaña coa que lograr un obxectivo moi claro: converter o CPI Atios, no que estudan máis de medio millar de nenos e nenas, nun espazo cardioprotexido. A iniciativa, na que colabora o Concello e o propio centro educativo, arrancará formalmente este domingo, coincidindo co Día da Bicicleta. Na contorna do campo de fútbol de Vilaboa, lugar de concentración dos participantes na marcha, instalarán un stand informativo no que explicarán a campaña e porán á venda ás pulseiras solidarias coas que aspiran a acadar esa meta.
 
E é que Nunca 3 euros foron tan valiosos, sinalan. Da man da asociación Proyecto Salvavidas, a recadación determinará o éxito do obxectivo. Así, se alcanzan as 600 pulseiras vendidas, a entidade entregaralles o ansiado desfibrilador. Se superan as 800, acompañarán o aparello da correspondente formación e, en caso de acadar as 1.050, a todo o anterior sumarase a sinaléctica e a vitrina. E, precisamente, tal e como explican Javier González e Jesús Couce, integrantes da ANPA, ese é o obxectivo.
 
Ambos os dous apuntan tamén que máis aló de converter o CPI nun espazo cardioprotexido, promoverán cursos de formación específica no uso do desfibrilador tanto para o equipo docente como para os pais e nais interesados. A todo isto, tamén impulsarán dende a ANPA accións formativas concretas dirixidas ó alumnado.
 
E… ademais deste domingo, onde se poderán mercar as pulseiras? A intención da ANPA é remitir unha circular entre o alumnado para que este faga o seu pedido, implicándose así na campaña. Non descartan tampouco, en colaboración co comercio local, establecer puntos de venda solidarios.
 
Pola súa banda, o Concello recibiu moi positivamente a campaña e o alcalde, Alberto González, xa avanzou nunha xuntanza cos integrantes da ANPA que dotará o CPI dun dos desfibriladores cos que conta o Concello. Material con destino provisional, xa que o rexidor está convencido de que a iniciativa será todo un éxito e, entre todos, lograrase o desfibrilador co que crear ese espazo cardioprotexido co que salvar vidas.