Valdoviño inicia a celebración do Samaín cos Contos de amor, erotismo e morte de Charo Pita

O Concello de Valdoviño celebrará o Samaín cunha serie de propostas culturais para nenos e maiores. A primeira delas será este domingo, 28 de outubro, no auditorio da Casa da Cultura. A partir das 19 horas, a narradora Charo Pita ofrecerá os seus Contos de amor, erotismo e morte.
 
A ollada, o silencio, e como non, a palabra son os protagonistas destas historias, que van dende a creación ata a morte, pasando pola vida, con toda a súa carga de erotismo. Contos para gozar da literatura oral e deses persoeiros que só se atopan nun momento de fábula.
 
A función está dirixida a público adulto e, programada polo Concello, conta coa colaboración da Deputación a través da Rede Cultural. A entrada é de balde ata completar aforo. En caso de choiva, a actividade trasladaríase ó auditorio da Casa da Cultura.
 
Así mesmo, a programación continuará o xoves, 1 de novembro, cos Contos do demo. Un espectáculo para todos os públicos incluído no programa municipal Escenarios paralelos. Celebrarase no contorno paisaxístico do Igresario vello de Loira e dará comezo ás 18 horas. Para rematar, o venres 2 de novembro, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a proxección do filme El ataque de los muertos sin ojos. Será ás 20 horas, para maiores de 16 anos, e entrada tamén de balde ata completar aforo.