Babaluva trae a Valdoviño Tita, unha montaxe teatral sobre a intelixencia emocional

A compañía Babaluva trae a Valdoviño a súa obra de teatro con monicreques Tita. Será este domingo, 14 de outubro, a partir das 18 horas no auditorio da Casa da Cultura. A función, organizada polo Concello coa colaboración da Deputación a través da Rede Cultural, ten entrada libre e de balde ata completar aforo.
 
Dirixida ó público familiar, Tita é unha montaxe de teatro de títeres e actrices sobre a intelixencia emocional e a súa importancia na infancia. Amosa ó público a dificultade de xestionar as emocións co obxectivo de enfrontalas cara a cara para gozar de harmonía emocional.
 
Aborda a historia de Tita, unha nena de oito anos moi espelida que pasa por distintas emocións na súa vida cotiá. Na convivencia coa súa querida nai, na escola e co seu novo amigo Lucas, TITA vive momentos de gran ledicia pero tamén de fonda tristura, intres de medos aterradores e de fortes enfados.