O Concello inicia as obras de reforma integral do local veciñal de Aviño

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, informou esta mañá do inicio dos traballos de reforma do local da asociación de veciños de Aviño. Xunto ós concelleiros de Obras, Benito Vega, e Urbanismo, Alejandro García, realizaba unha visita de supervisión ás obras, que arrancaban a semana pasada no inmoble. Un edificio cunha superficie útil de 135 m2, antiga escola unitaria erguida en 1930. Aínda que foi susceptible dunha reforma nos anos 80, trinta anos despois o deterioro sufrido polo paso do tempo facía necesaria a intervención hoxe en marcha. Financiarase con cargo ó POS+ da Deputación provincial da Coruña, en conxunto con outra actuación proxectada en Loira, cun orzamento total de 51.000 euros máis IVE.
 
Os traballos programados contemplan a reforma integral do inmoble e inclúen a substitución de xanelas por outras de aluminio con doble vidro e aillamento térmico, reparación da cuberta, dotación de revestimento antideslizante nos peldaños da escaleira, colocación de novo chan de gres e falsos teitos, construción de novos aseos na planta baixa (un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida), dotación de sistema de calefacción e mellora da instalación eléctrica e de fontanería. Todo isto completarase cunha actuación nas paredes exteriores, descubrindo a pedra.
 
Esta intervención súmase ás realizadas nos últimos meses. Entre elas, a construción dun novo parque infantil e outro biosaudable na parcela contigua ó local social; a instalación de alumeado LED ou a retirada de árbores que supoñían un perigo para os usuarios deste espazo.