Uns 90 veciños participaron na Andaina cultural a San Andrés organizada polo Concello de Valdoviño

Pese á choiva, uns 90 veciños e veciñas tomaron parte onte pola mañá na XIX Andada a San Andrés de Teixido organizada polo Concello.
 
Veciños e veciñas de todas as idades que fixeron xuntos un camiño que, no tramo que discurre por Valdoviño, se convertía en paseo cultural. Como todos os anos, o arqueólogo e hoxe alcalde, Alberto González, actuou de guía e os romeiros foron descubrindo o rico patrimonio que atesoura o municipio. Tras a saída da Rocha, houbo unha parada especial polo seu significado no Camiño a San Andrés: a Ermida de Liñeiro, coñecida por todos como Capela da Fame. Do século XVI, é un templo sinxelo nas formas no que destaca o seu retablo en pedra policromada de estilo renacentista e, segundo a tradición oral, era un lugar elixido polos romeiros para descansar, comer e recobrar forzas. Outro dos lugares destacados de paso foi Porto do Cabo, que marca o fin da ruta a San Andrés no municipio, un núcleo rural onde destaca a súa ponte medieval do século XVI sobre o río Mestas e a Casa da Bastona, antigo albergue para peregrinos.
 
De aí, todos continuaron o camiño ata Teixido. Cos impresionantes cantís e o fermoso santuario eirixido neste rincón singular da xeografía galega como telón de fondo, os romeiros disfrutaron dun xantar popular que puxo fin á iniciativa.