O bono social eléctrico poderá seguir solicitándose a partir do 8 de outubro

O Concello de Valdoviño e a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) informan aos seus veciños e veciñas que poderán seguir solicitando o bono social eléctrico a partir do 8 de outubro.
 
Esta data límite unicamente marca o último día no que se poderá renovar o bono social, para aqueles que xa o gozaban. Chegada esta data, aqueles que non renovasen a súa bonificación simplemente deixarán de percibir o desconto na súa factura eléctrica durante os días que transcorran ata que tramiten o bono social e lles sexa aceptada a solicitude.
 
Segundo datos da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) a finais de xullo só 650.000 usuarios solicitaran o novo bono social, fronte aos 2,5 millóns de clientes que eran beneficiarios do antigo, polo que se anima a aqueles que non o fixeron a que consulten se poden ser beneficiarios do novo modelo.
 
As condicións para solicitar este novo bono social modificáronse polo que moitas unidades familiares que gozaban do antigo agora non poderán ser beneficiarios. Por exemplo, segundo datos da CNMC, había 1,8 millóns de persoas que contaban co bono social por ter unha potencia contratada inferior a 3 Kw e que agora van perder ese dereito dado que no bono actual desaparece esa condición e só se lles concede segundo niveis de renda.
 
Para recibir asesoramento os/as interesados/as poden valerse gratuitamente das oficinas da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) nas Pontes e Cerceda, que xa tramitaron un total de 102 solicitudes directas cun 99% de éxito e un aforro medio de 112 euros por solicitude. Ademais, dentro da web de FAEPAC hai un espazo adicado ao bono social en http://faepac.gal/bono_social onde poden atopar toda a información relativa aos procedementos de solicitude. Así mesmo pódese solicitar asesoramento a través do teléfono 981 102 111 ou ben a través do correo electrónico consultas@faepac.gal.