A Casa da Cultura ofrece este domingo un concerto para bebés e nenos

O Concello de Valdoviño ofrece este domingo, 7 de outubro, un concerto para bebés na Casa da Cultura. Con entrada de balde é preciso anotarse previamente na Casa da Cultura ou chamando ó teléfono 981 48 76 66, xa que as prazas son limitadas. Dará comezo ás 17 horas, inclúese na Rede Cultural da Deputación e está dirixido a bebés e nenos de cero a seis anos.
 
O concerto leva por título Percubebé e é unha idea orixinal de Marcelo Dobode e Bea Martínez. Das súas experiencias no mundo da educación musical dirixida á infancia, nace este obradoiro-espectáculo no que miud@s e maiores poderán aprender, gozar e descubrir o mundo das percusións e da arpa.
 
O proxecto busca alimentar e desenvolver o ritmo que todas e todos levamos dentro, que é fundamental para medrar a nosa capacidade neuronal, axudando á psicomotricidade e coordinación. Isto axudaranos a outras moitas facetas que nos imos atopar ao longo das nosas vidas, ademais de servirnos como inicio a calquera outra faceta artística, musical ou escénica. Axuda a liberar tensións, alimenta a concentración dos máis pequenos e adultos, e desenvolve a capacidade auditiva e creativa, o sentido do tempo e os reflexos, ademais de adentrarnos na nosa cultura musical. E porque non comezar desde idade temperá?