O Océano Surf Museo recibe a visita da ex regatista olímpica Theresa Zabell

A ex regatista olímpica Theresa Zabell, medalla de ouro en Barcelona 92 e en Atlanta 96, visitou onte pola mañá o Océano Surf Museo, o primeiro e único de España desta temática. O alcalde, Alberto González, exerceu de guía nunha visita na que tamén acompañaron a Zabell o presidente da Federación Española de Surf, Carlos García, e os concelleiros de Cultura, Rosana García, e Servizos, Benito Vega. Zabell, a primeira muller en ocupar a vicepresidencia do Comité Olímpico Español, aproveitou así a súa estancia en Valdoviño para coñecer de primeira man as instalacións e a praia da Frouxeira, onde se celebrou hai uns meses o Campionato de España de Surf.
 
O Museo do Surf, que o vindeiro 1 de decembro cumprirá o seu primeiro aniversario, ofrece un percorrido pola historia do surf dende as súas orixes ata a actualidade, con especial atención á súa práctica en Galicia e en Valdoviño, así como á evolución do Pantín Classic. Sito na Casa da Cultura do municipio, abre as súas portas de luns a domingo, con entrada de balde.