O Concello de Valdoviño convoca o I Certame de Pintura Rápida ó Aire libre

O alcalde, Alberto González, informou esta mañá da apertura do prazo de inscrición na primeira edición do Certame de Pintura Rápida ó Aire Libre Concello de Valdoviño. Poderán participar todas as persoas maiores de idade que así o desexen e celebrarase o 25 de agosto. O estilo e técnica serán libres, e a súa temática xirará en torno á paisaxe, o espazo físico e as súas xentes e costumes. Cada participante poderá presentar unha soa obra, sen asinar ata o momento no que se coñeza o ditame do xurado.
 
Así mesmo, a execución da obra deberá ser "in situ", diante do motivo ou do modelo natural, a executar na área delimitada pola organización. Non se permitirá o uso de fotografías, ordenadores, cámaras, medios ou materiais fotográficos salvo que debido ás inclemencias do tempo así o decida a organización o mesmo día do concurso.
 
As inscricións poderán realizarse a través do correo electrónico cultura@concellodevaldovino.com e na Casa da Cultura (martes, mércores e xoves de 9 a 13 horas exceptuando os festivos) ata o 22 de agosto incluído, ou o mesmo día do certame no horario de 9 a 11 h na Casa da Cultura.
 
Así mesmo, haberá unha categoría especial para os participantes locais, que tamén optan a calquera dos outros premios, aínda que ambos non son acumulativos. E o tempo para presentar as obras finalizadas será das 16 ás 17 h, namentras que o ditame do xurado darase a coñecer ás 18 horas, celebrándose posteriormente a entrega de premios. Son estes: para o primeiro clasificado: 1000 euros e diploma; para o segundo: 500 euros e diploma, e para o terceiro, 300 euros e diploma. O premio para o artista local será de 200 euros e diploma. As bases poden consultarse no seguinte enlace http://www.concellodevaldovino.com/sites/default/files/convocatorias/bas...