A banda da loba presenta en Valdoviño o seu primeiro disco “Bailando as rúas”

O entorno do parque infantil da Frouxeira será o escenario onde a formación «A banda da loba» presente este domingo, 5 de agosto, o seu primeiro traballo discográfico, titulado «Bailando as rúas». A cita terá lugar a partir das 19,30 horas e a ela está convidada toda a veciñanza. Organizada pola Concellería de Cultura de Valdoviño, a proposta inclúese no programa « Escenarios paralelos », co que o Concello saca as actividades culturais da Casa da Cultura ata lugares como parques, capelas, ermidas, faros… Así mesmo, conta coa colaboración da Deputación a través da súa Rede Cultural.
 
«A banda da loba» son cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este proxecto. As letras son propias aínda que tamén   musicalizan poetas célebres ou poemarios de escritores contemporáneos. Todo baixo un estilo ecléctico que bebe do rock, do pop, do folck…