O Concello abre mañá o prazo de presentación de solicitudes para optar á praza de técnico do Océano Surf Museo

O alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzou esta mañá que o Concello procederá á contratación laboral temporal dun técnico para a atención do Océano Surf Museo, así como que creará unha bolsa de emprego. Unha contratación que a Administración local financiará con cargo a unha subvención da Deputación provincial da Coruña. As persoas interesadas en optar á mesma poderán presentar dende mañá, 1 de agosto, e por espazo de dez días naturais, a súa solicitude no Rexistro Xeral da Casa Consistorial, tal e como establecen as bases da convocatoria, publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia (http://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2018/07/31/2018_0000005684.pdf).
 
A duración do contrato será ata o 31 de decembro de 2018, as retribucións brutas en cómputo mensual serán de 1260 euros por todos os conceptos retributivos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e a xornada de traballo será de 40 horas semanais. A contratación realizarase mediante concurso de méritos. Así mesmo, constituirase tamén unha bolsa de emprego cos candidatos que cumpran todos os requisitos e esta terá unha vixencia de tres anos.
 
Entre os requisitos para optar á praza está posuír o título de de licenciado, grao universitario ou equivalente, de Museoloxía, Arqueoloxía, Historia, Historia da Arte, Belas Artes, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; ou ter cumpridas as condicións para obtelo na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Titulación que deberá acreditarse mediante documento oficial expedido por organismo competente.
 
Con esta contratación o Concello quere dar un impulso ó Oceáno Surf Museo, o primeiro do seu xénero en España, ofrecendo un servizo permanente de información e atención ó público.