O Concello de Valdoviño abre a inscrición na IV Carreira na Area da praia da Frouxeira

Por cuarto ano consecutivo, o Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Deportes, organizará a Carreira na Area da Praia da Frouxeira. De aí que esta mesma mañá abrise o prazo de inscrición na actividade. Pode formalizarse no Rexistro Xeral da Casa do Concello, na Oficina Municipal de Turismo (Porta do Sol), no teléfono 626 46 55 31 ou a pé de areal o mesmo día da súa celebración unha hora antes.
 
Terá lugar o domingo 26 de agosto, a partir das 11 horas, e a participación é completamente gratuíta. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, sinala que o obxectivo é fomentar o deporte en familia, polo que o percorrido é de baixa dificultade, pensado para todas as idades. Iso si, sobre area.
 
O concelleiro de área, Sergio Saavedra, apunta que a carreira arrancará da caseta de socorrismo ubicada no areal e alcanzará a zona de Outeiro, para regresar de novo ás instalacións municipais.
 
A distancia a percorrer segundo a categoría é a seguinte: menores (benxamíns): 200 metros; medianos (alevíns e infantís): 400 metros; absoluta (dende cadetes a veteráns): 5.000 metros e adaptada (para persoas de todas as idades con diversidade funcional): 200 metros. Así mesmo, o Concello avanza que haberá trofeos para os tres primeiros da categoría absoluta, tanto masculina como feminina, e medallas para todos os participantes das restantes categorías.
 
Esta Carreira, nun entorno natural único, foi recuperada polo Concello en 2015 tras un parón duns dez anos. Así mesmo, dende a Concellería de Deportes anímase a veciños e visitantes a participar na carreira e conseguir de novo que sexa un auténtico éxito.