O Concello de Valdoviño abre o prazo de inscrición no Torneo de Fútbol Sala OcioSol

O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, anunciou esta mañá que o Concello de Valdoviño volverá a reeditar este ano a súa aposta pola celebración do Torneo de Fútbol Sala OcioSol. Esta mañá abríase o prazo de inscrición para os equipos interesados en tomar parte. Poden formalizar a súa solicitude ata o 18 de xullo incluído na Casa do Concello (Rexistro Xeral na primeira pranta). Deben cubrir a folla de inscrición, aceptar o regulamento e réxime disciplinario e adxuntar a fotocopia do DNI de todos os xogadores.
 
A cota é de 11,06 euros por persoa na categoría senior e de 7,37 euros por persoa na categoría xuvenil. O torneo arrancará o 23 de xullo e, a partir desta data, disputaranse partidos  de luns a venres de 19 a 23 horas, aínda que o calendario configurarase en función dos equipos que se anoten.
 
O torneo celebrarase no pavillón municipal do Longoiro, e está aberto á asistencia do público interesado en seguir os encontros.
 
A competición terá dúas partes, unha fase de liga e outra final, eliminatoria. No caso de haber un número de equipos superior a oito, o torneo disputarase en dous grupos. Os catro mellores de cada grupo, despois de disputada a fase de liga, clasificaranse nun só e o resto pasará a formar parte da « repesca ». Ambos grupos xogan tamén a súa fase de cuartos para cruzarse en semifinais.