O Concello abre a inscrición na Andada Nocturna “Ata as Fillas Bravas”

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Cultura, vén de abrir o prazo de inscrición na Andada Nocturna «Ata as Fillas Bravas». Celebrarase o vindeiro domingo 22 e inclúese no programa municipal «Escenarios Paralelos». As persoas interesadas en tomar parte poden anotarse na Casa da Cultura, no teléfono 981 48 76 66 ou enderezo electrónico cultura@concellodevaldovino.com.
 
A andada terá como punto de partida o parque da praia da Frouxeira, ás 20 horas, e destino no adro da igrexa de San Bartolo, sobre as 21 horas. Alí, a compañía Chévere Teatro porá en escea a súa obra «As Fillas Bravas», espectáculo incluído na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña. En todo caso, para disfrutar deste non é preciso inscrición previa (tan só se se quere participar na andaina).
 
« As Fillas Bravas » narra a historia de tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos.
 
Con esta peza Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero, dando continuidade a traballos que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), que promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (I’ll be watching you). Nesa liña de traballo, «As Fillas Bravas» veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.
 
«As Fillas Bravas» é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflexados nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.