Pantín Classic

A finais de setembro de 1988 celebrouse o primeiro Pantín Classic, un campionato de surf que rematou co trunfo de Jorge Imbert, por aquel entón campión de España e que chegara á proba de casualidade. Dende aquela edición o torneo foi medrando de categoría ata entrar a formar parte, en 1993, do campionato do mundo, calendario que xa non abandonou en todos estes anos.

Fieis a súa cita, e a pesar das dificultades do camiño, surfistas, organización e público non deixaron de visitar cada ano a praia de Pantín, asentando unha proba que hoxe en día é un dos grandes clásicos do surf mundial.

En setembro de 2012 o Pantín Classic cumpriu 25 anos, un cuarto de século gozando do mellor deporte e do mellor espectáculo, e sempre cunha filosofía de respecto total pola natureza e o medio ambiente. En 2016 tivo lugar entre o 30 de agosto e o 4 de setembro, e o fixo celebrando a súa recente declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Malia que son moitos os compoñentes do éxito acadado, unha das claves ofrecíana os propios organizadores na revista oficial da edición de 2010: Por qué Pantín?

Sen dúbida máis dun fíxose a pregunta algunha vez. Por qué en Pantín? Habendo outras praias mellor comunicadas, máis populares, con máis infraestructuras, incluso con mellores ondas, por qué organizar unha proba do circuito mundial de surf en Pantín?

O impulso orixinario naceu fai 23 29 anos, cando o surf era unha pequena criatura en crecemento na nosa comunidade. En 1987 non existía ningún clube, ningunha tenda de surf, e moito menos un campionato relacionado co noso deporte. Polo tanto e coa idea de cubrir este baleiro nacían case ao unísono o Océano Surf Club (clube organizador da proba durante as súas primeiras vinte edicións), a tenda Aquasurf e o Pantín Classic. Este último cun reto: organizar un evento que se puidese equiparar aos que por aquel entón xa existían en Francia, California, Australia ou Hawai. Ondas e ilusión non faltaban.

Entre todas as praias elexiuse Pantín por unha serie de motivos que o tempo demostraron como claves para que o campionato puidera celebrarse con éxito nas anteriores 22 29 edicións.

Pola súa orientación Pantín, xunto a Campelo, é a praia da nosa costa na que as ondas entra dun xeito máis directo, e polo tanto o lugar no que normalmente, e para as direccións de mar máis frecuentes no noroeste galego, teremos as ondas máis grandes, factor moi importante sobre todo cando hay pouco mar. Por outra banda, e malia ser a praia na que o mar entra con máis forza, debido á configuración da costa no seu entorno e a forma da propia praia, Pantín é o areal que aguanta ondas de maior tamaño rompendo de modo ordenado, ondas surfeables de ata 5 metros, cousa impensable nas demais praias.

A canle á dereita da praia permite ademais acceder á zona de rompente con rapidez. Polo tanto Pantín admite tanto as ondas máis grandes, como é a mellor praia cando as condicións son pequenas. De feito, e dito polo xefe de xuices da ASP, en Pantín celebráronse en toda a historia do surf profesional en Europa os campionatos coas ondas máis grandes e coas máis pequenas.

A forma e pendente dos fondos ofrécennos ademais boas ondas tanto en marea baixa coma en marea chea, o que permite o desenvolvemento do campionato en calquera condición de marea sen ter que mover a infraestructura do mesmo a outro emprazamento. Isto permite que en condicións normais se desenvolva unha proba durante todas as horas de luz do día.

Por último, e non menos importante, a infraestructura creada durante estes anos na praia permite organizar un campionato desta categoría cun custo razonable.

A disposición do outeiro que domina a praia crea ademais unha tribuna natural o suficientemente preto do mar, para que un bo número de espectadores podan gozar do campionato.

En 22 29 anos as ondas non faltaron nunca á cita de Pantín. Esa é a mellor garantía que unha praia pode ofrecer a un campionato de surf.