Actividades coa Sociedade Galega de Historia Natural na lagoa e festa para despedir o primeiro curso na escola infantil

Os nenos e nenas do Punto de Atención á Infancia emprazada na Aula da Natureza celebraron a pasada semana unha xornada moi especial xunto ás súas familias. Unha festa de fin de curso, coa que despedir ós sete nenos e nenas que comezan en setembro os seus estudos de Educación Infantil. E, en tan especial celebración, o centro recibiu a visita de Xan Rodríguez Silvar, da Sociedade Galega de Historia Natural, que acompañou ás familias nunha mini andaina ata o observatorio de paxaros da lagoa da Frouxeira. Tamén houbo parada na propia lagoa na que este experto lles explicou en vivo a formación dunha lagoa, como a de Valdoviño, que nenos e nenas ven todos os días dende as instalacións municipais.
 
O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Servizos Sociais, Jessica Sabín, sumáronse á celebración, que culminou no propio PAI, e agasallaron a todos os nenos e nenas cunha mochila de tela.