Sesión de cine nocturno ó aire libre este xoves coa proxección de “Vilamor”

O Concello de Valdoviño programa este xoves, 5 de xullo, unha sesión de cine ó aire libre na praza da Casa da Cultura. Alí proxectará a partir das 22,30 h o filme « Vilamor », recomendada para maiores de 12 anos e cunha duración de 112 minutos. En caso de choiva, trasladarase ó interior do centro.
 
O pase conta co apoio da Deputación provincial da Coruña, a través da Rede Cultural. É un drama ambientado nunha idílica e recóndita aldea galega, recén rematado o franquismo. Alí vive Breixo, un mozo xeneroso e idealista. Un día, preto da aldea, atópase cos integrantes dunha comuna e déixase seducir polas súas ideas. Decide entón colaborar con eles para crear un sistema baseado no traballo da terra, o contacto coa natureza e a ausencia de propiedade privada. Pero todo se complica cando Breixo se namora perdidamente dunha rapaza da  comuna. El, que non acepta o amor libre nin as drogas nin o ateísmo radical, abandoa a súa terra cheo de tristeza. Trinta e tres anos despois, convertido nun escritor de éxito e cos ideais arrumbados nalgún recuncho da memoria, regresa á súa terra natal.