O encoro das Forcadas volveu a albergar a xuntanza comarcal dos nenos e nenas rusos acollidos por familias no verán

Un ano máis, Valdoviño converteuse no escenario da xuntanza que, a nivel comarcal, organiza a asociación Ledicia Cativa entre os nenos e nenas rusos que veñen a pasar o verán con familias de acollida da zona. Unha reunión na que colabora o Concello valdoviñés celebrada no día de onte no entorno do encoro das Forcadas. Nela tomaron parte uns vinte nenos e rapaces xunto ás súas familias de acollida e, tras un xantar de confraternidade, chegou un dos momentos máis divertidos da xornada.
 
Grazas ó Club Náutico Folixa, que colaborou desinteresadamente no encontro, os nenos e nenas puideron disfrutar dunha clase de paddle surf moi especial, xa que a entidade deportiva desprazou ata a zona un big sup, unha táboa con capacidade para dez persoas, na que practicaron os rapaces. Tamén as familias se atreveron a probar esta modalidade deportiva, aínda que en táboas individuais. A sesión estivo impartida polos técnicos Daniel Pérez e Sandra Monteiro, e tamén colaborou Cristina Bellón, de Quinta da Luz.
 
Nin a choiva puido frustar a clase e, alentados pola boa temperatura da auga, o paddle surf trunfou no encoro. A única pena do Club Náutico Folixa foi que, dado o mal tempo, non puideron instalar unha tirolina que tiñan preparada.