Andy Criere e Garazi Sánchez proclámanse na Frouxeira novos campións de España de Surf 2018

A xornada final do Campionato de España de  Surfing 2018 presentado por Loterías, celebrada na praia da Frouxeira en Valdoviño, coroou ós novos campións de España. Unha xornada  tormentosa en canto á meteoroloxía pero que á súa vez nos deixou ondas de calidade excelente durante toda a xornada.
 
Despois dun inicio de xornada moi prometedor, con puntuacións moi altas en todas as categorías, coñecemos quen se ía a disputar o título de Campión de España 2018.
 
A categoría Open tiña pendente a competición desde os oitavos de final. As prazas nas roldas clasificatorias requiriron sumatorios de máis de catorce puntos para acceder á final.
 
Nesta batalla, os surfeiros máis destacados tiveron que espremerse ó máximo para disputarse o título nacional. O vasco Andy  Criere (18,74 ptos) cunha combinación de dúas ondas excelentes conseguiu a vitoria por diante do hispano brasileiro Vicente Romero (14,34  ptos) e os vascos Iker  Amatriaín (12,77  ptos) e Rubén Vitoria (11,70 ptos) que finalizaron en terceira e cuarta posición respectivamente.
 
Moita emoción a vivida na final feminina onde  Garazi Sánchez (13,17  ptos), cun gran  surfing durante toda a xornada, conseguiu bater a Leticia Canales (11,83  ptos) que regresaba ó campionato de España nun gran estado de forma.  Melania Suárez (9,00  ptos) e Nadia  Erostarbe (6,77  ptos), moi fortes durante as dúas xornadas de competición, completaban a final.
 
Os máis veteranos seguen demostrando que o  surfing non entende de idades, mostra diso foi ver as eliminatorias de máster onde, o hispano brasileiro, Eric  Rebiere (14,74  ptos) revalidou o seu título nunha dura loita cos cántabros Pablo Solar (10,67  ptos)   e Dani García (10,24  ptos)  exhibindo un  surfing moi sólido durante toda a xornada.
 
En  kneeboard, foi  César Arenal (12,26  ptos) quen levou o título nacional nunha final 100% cántabra. Alberto González con 9,33 puntos conseguiu a segunda praza, Alfonso Rodríguez a terceira e Óscar García a cuarta nunha final apaixonante.
 
Como colofón a esta maratoniana xornada de competición celebrouse a terceira edición do Campionato de España de Surf Adaptado. Aitor  Francesena, na categoría invidentes, Cristian Alonso, na categoría  prone e Lucas  Ojanguren en categoría asistidos, realizaron unha demostración da súa gran capacidade e proclamáronse campións de España nas súas respectivas disciplinas.