Maxia, monicreques, acrobacias… este domingo no entorno das Forcadas

O Concello de Valdoviño volve a apostar este verán polo programa municipal «Escenarios Paralelos» a través do cal as propostas culturais saen da Casa da Cultura e viaxan a lugares como o encoro das Forcadas, parques infantís ou adros de igrexas. Así, o Concello inaugura o mes de xullo cun espectáculo familiar, «Ghop !» no entorno do Club Náutico das Forcadas. Será este domingo, 1 de xullo, a partir das 19,30 horas.
 
A compañía Teatro ó Cubo será a encargada de poñer en escena a obra, dirixida a todos os públicos e posible grazas á colaboración da Deputación Provincial da Coruña, a través da Rede Cultural.
 
Ghop! vén de Hop! ¿Que sería de nós sen a gheada para facer que esta palabra de ímpeto soe completa e a nosa querida “h” non fique muda coma sempre? Ghop! imprime con enerxía un espectáculo coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas dos pobos e aldeas. Os tres protagonistas, vestidos e caracterizados para a ocasión, aderezan con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia o show de variedades que esta compañía itinerante ofrece a un público desexoso de divertirse e participar.