O Concello pon a disposición da veciñanza a pista deportiva da praia da Frouxeira

O concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, avanzou que mañá venres, 29 de xuño, o Concello reabrirá a pista deportiva municipal anexa ó camping da praia da Frouxeira. Unha pista que, durante os últimos anos, tivo un uso restrinxido ás actividades municipais deportivas de verán e que agora o Concello pon a disposición da veciñanza. A única limitación de uso será naqueles horarios nos que se desenvolvan as clases de tenis do Concello (martes e xoves de 10 a 12 horas) e actos puntuais comunicados con suficiente antelación.
 
O edil de área lembra que as instalacións son aptas para a práctica de fútbol sala tras a renovación das porterías; de baloncesto, xa que se veñen de instalar canastas, e tamén tenis. Así mesmo, avanza a intención de dotar a pista de iluminación pública para o seu uso nocturno, actuación para a que xa se solicitou unha subvención á Deputación provincial da Coruña.