O Concello inicia os trámites para adquirir os terreos da antiga Cámara Agraria

O alcalde, Alberto González, avanzou esta mañá que o Concello vén de iniciar os trámites para a adquisición dos terreos nos que se emprazaba a antiga Cámara Agraria de Valdoviño. Uns terreos que se atopan anexos á propia casa consistorial e que, ata hai uns meses, albergaban o edificio da Cámara. O seu avanzado estado de deterioro, agravado pola falla de uso nos últimos dez anos, levou á Xunta, propietaria de inmoble e solar, á súa demolición e conversión da zona en espazo verde. En todo caso, a súa ubicación é privilexiada, en pleno centro urbano da Porta do Sol e contigua á casa do Concello.
 
Nesta liña, a Xunta decidía sacar a subasta os terreos, tasados en 115.000 euros, sen un ofrecemento previo ó Concello e este poñíase en contacto coa Administración local para tentar a súa adquisición. Vista a receptividade da Xunta, o goberno local levaba a pleno a aprobación dunha proposta que contemplaba o inicio dos trámites para mercar o solar. Todos os grupos municipais respaldaron a medida, que xa foi comunicada á Xunta.
 
Así as cousas, o alcalde mostra a súa confianza en que as negociacións cheguen a bo porto e os terreos, que a día de hoxe o planeamento prevé para equipamentos e uso dotacional, poidan pasar a propiedade municipal.