A Deputación da Coruña financia o proxecto de reordenación do litoral de Valdoviño

Mellorar a accesibilidade, promover alternativas ao tráfico rodado e acondicionar unha paraxe de especial riqueza paisaxística son os obxectivos do proxecto que a Deputación da Coruña financiará no Concello de Valdoviño, no entorno da parroquia de Meirás. O proxecto conta cun orzamento de 349.948,19 euros dos o 80% proveñen de fondos da Deputación da Coruña.
 
O deputado de Plans e Patrimonio, Xosé Regueira, visitou o Concello de Valdoviño onde se reuniu co alcalde, Alberto González Fernández, e o concelleiro Alberto Ameneiros Serantes ademais dunha representación de veciños afectados co fin de abordar diversas cuestións relativas ao novo proxecto urbanístico que conta cun importante financiamento da Deputación da Coruña e que suporá unha actuación de especial relevancia na contorna da parroquia de Meirás.
 
O deputado Xosé Regueira destacou a importancia dunha actuación que foi demandada pola veciñanza e que suporá un paso adiante na conservación dun espazo natural protexido ademais de interesantes melloras para a zona, en especial en canto a tránsito a pé e rodado e zonas de ocio do lugar.
 
En concreto, o proxecto afecta ao litoral de Valdoviño, un entorno recoñecido como importante espazo natural e de ocio que cada ano recibe un amplo número de visitantes que chegan polo atractivo das praias e a paisaxe. A grande afluencia de visitantes, en especial nas praias da zona da Punta Frouxeira, supón, en moitas ocasións, o colapso de vehículos que dificultan o acceso á zona de litoral e a de ocio lindeia co campo de fútbol de Meirás.
 
Con este proxecto ordenarase e mellorarase a accesibilidade aos espazos naturais conformados polas praias de Mourillá, Frouxeira e Portiño cunha actuación sobre os camiños municipais existentes no entorno do equipamento do campo de fútbol. Dotarase, neste sentido, á contorna dunha zona de aparcamento disuasorio que favoreza o equilibrio e mellor uso da zona, reorganizando o espazo de aparcamento existente nos arredores do campo de Meirás.
 
Ademais, coa actuación acondicionarase o espazo anexo existente como unha zona de ocio impedindo a invasión do dominio público marítimo terrestre por parte de vehículos e organizando o tránsito peonil nos arredores, coa adaptación de accesos de maneira que as persoas visitantes á zona poidan estacionar os vehículos nunha zona ordenada e accesíbel. Todo o proxecto incorpora criterios de sostibilidade ambiental, con deseños integrados no entorno con materiais brandos e reciclables.
 
Para iso realizaranse beirarrúas perimetrais de dimensións suficientes para o tránsito de peóns e persoas con mobilidade reducida. Pavimentaranse os viais e diferenciarase a zona de aparcamento para unha mellor delimitación e organización do tráfico rodado, habilitaranse os pasos de peóns a nivel e zonas de estacionamento para persoas con discapacidade e acondicionarase o actual campo da festa como un espazo multiocio para a práctica de actividades ao aire libre. En canto ao espazo multiocio proxéctase a creación dunha instalación multideportiva de céspede sintético que completará o conxunto da actuación.