A Garda Civil visita o Punto de Atención á Infancia para informar ás familias dos sistemas de retención infantil

Día a día, o Punto de Atención á Infancia emprazado na Aula da Natureza estase a converter nun servizo de referencia para as familias con nenos e nenas de cero a tres anos de Valdoviño. O Concello abría as súas portas hai pouco máis dun ano cun proxecto educativo innovador, centrado no respeto á natureza e adaptado ó ritmo de cada un dos nenos. Ademais, primouse dende un primeiro momento a implicación das familias no día a día do centro, con encontros mensuais co equipo que xestiona as instalacións.
 
Precisamente, o alcalde, Alberto González, sinalaba que na última das reunións o Concello decidía levar a cabo unha xornada formativa en materia de seguridade vial, posible grazas á colaboración da Garda Civil.
 
Así, un axente do Destacamento de Tráfico de Ferrol desprazábase ó Punto de Atención á Infancia para poñer ó día ás familias respecto dos Sistemas de Retención Infantil e o seu correcto uso. Así mesmo, tamén abordou todas as cuestións relativas á nova normativa e solventou as dúbidas das familias.
 
Nesta liña, o alcalde destacou e agradeceu a implicación da Garda Civil nesta actividade e non descartou reeditala o próximo curso dado o interese suscitado.