O Concello de Valdoviño abre o prazo de inscrición nos Campamentos Deportivos de Verán da Deputación

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Deportes, vén de abrir o prazo de inscrición nos Campamentos Deportivos de Verán 2018 da Deputación provincial da Coruña. Este ano, ó municipio asignáronlle tres prazas para a quenda do 1 ó 6 de xullo. Así, as persoas interesadas en optar a unha delas, necesariamente empadronadas en Valdoviño, poden presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral ata o 15 de xuño, incluído. Amáis da instancia, deberán entregar unha foto tamaño carnet, fotocopia do DNI e certificado/volante de empadronamento. En caso de que a demanda supere a oferta levarase a cabo o sorteo das prazas en presenza da secretaria municipal.
 
O programa está dirixido a rapaces e rapazas de entre 9 e 14 anos, ambas idades incluídas, cumpridos neste 2018. Levarase a cabo este ano no Colexio Calvo Sotelo da Coruña, onde os rapaces e rapazas poderán participar en diversas actividades deportivas e saídas culturais. A cuota a abonar é de 85 euros unha vez confirmada a praza.