A Deputación saca a contratación as obras de construción da rotonda no entorno do CPI Atios

A Deputación da Coruña anunciou a licitación, por importe de 144.957,07 euros, das obras de mellora da intersección na estrada DP 2502 Valdoviño-Cerdido, que consistirán na execución dunha glorieta á altura do punto quilométrico 0+680 que mellorará a perigosa intersección existente neste punto e facilitará as manobras de cambio de sentido dos numerosos autobuses que realizan o transporte escolar do alumnado do CPI de Atios, situado na marxe esquerda do vial e no que cursan estudos uns 500 rapaces do municipio.
 
As obras inclúen tamén a ampliación dun carril dende a saída da glorieta á zona de aparcamento dos autobuses escolares, no PK 0+500. Este novo carril permitirá ademais que, no caso de non contar con espazo para aparcar, os vehículos poidan realizar esperas no carril ás horas de entrada/saída do colexio, sen interferir o tráfico da estrada DP 2502.
 
As licitación realízase de forma integramente electrónica, a través da Plataforma de Contratación do Estado (www.contrataciondelestado.es), tal como establece a nova Lei de contratos do sector público do 9 de marzo de 2018. Nesta plataforma publícanse os pregos, anuncios de licitación, consultas a provedores e desenvólvense todos os trámites ata a adxudicación definitiva do contrato.