Últimos días para apuntarse á Volta ás Forcadas

Descubrir ou redescubrir un entorno único de Valdoviño como é a paisaxe que envolve ó encoro das Forcadas e, ó mesmo tempo, practicar deporte e favorecer hábitos saudables é a proposta que fai a Concellería de Deportes que dirixe Sergio Saavedra a nenos e maiores o próximo 10 de xuño. Ese domingo celebrarase a III Volta ás Forcadas. Unha cita deportiva incluída no calendario do 3º Circuito Corre polo Norte que o Concello de Valdoviño impulsa xunto ós municipios veciños de Narón, Ortigueira, Cedeira, Cariño, Cerdido, Mañón e Moeche. A inscrición para participar está aberta na plataforma www.ranckr.com e o prazo pecharase o 8 de xuño. A participación dos menores é gratuíta e a cuota para as categorías sénior e veteranos está establecida en catro euros.
 
A III Volta ás Forcadas dará comezo ás 11 horas e punto de partida na igrexa de Loira. Nela poderán participar nenos e maiores e, segundo a idade, estas son as categorías, con distancias adaptadas a estas: Pitufos (2011 e posteriores); Benxamín (2009-2010); Alevín (2007-2008); Infantil (2005-2006), Cadete (2001-2004), Sénior (1984-2000), e Veteranos (2000 e anteriores). Así mesmo, a modo de andaina está aberta a todas as idades.