Corenta equipos disputarán este fin de semana en Meirás o Torneo de Fútbol 8

O Meirás CF organiza esta fin de semana, en colaboración co Concello de Valdoviño e a Deputación provincial da Coruña, o seu Torneo de Fútbol 8. Será no campo de herba natural do equipo local e a competición para as categorías base (prebenxamín, benxamín e alevín) arrancará este venres, 1 de xuño, e continuará sábado e domingo.
 
Tomarán parte na competición ata 40 equipos. Son estes: Freixo, Sansa, R. Ferrol B, Meirás, As Pontes, Narón, Numancia e Ánimas (Prebenxamíns); Ortigueira, Perlío, Obrero, Libunca, As Pontes, G. Caranza, Portuarios, Val B, Cedeira, Neda, Meirás, Freixo, Narón, Ánimas, Val A e G. Mugardos (Benxamíns), e Obrero, Neda A, Meirás B, San Pedro, Ánimas, Perlío, Cedeira, Meirás A, Neda B, Narón, As Pontes, Val B, Eume, Val A, Miño e G. Caranza (Alevíns).
 
Cada partido terá unha duración de 25 minutos e cada victoria sumará tres puntos e o empate un. Así mesmo, as bases da competición poden consultarse na web municipal (www.concellodevaldovino.com).
 
A competición dará comezo mañá venres, ás 17 horas, cos equipos da categoría prebenxamín e a final está prevista para as 20,30 horas. O sábado será o turno da categoría benxamín e os partidos principiarán ás 10,15 horas e, tras o descanso do mediodía, continuarán ás 15 horas, coa vista posta na final, prevista para as 19 horas. O domingo seguirase o mesmo calendario, neste caso cos equipos da categoría alevín.
 
Dende o Concello, o edil de Deportes, Sergio Saavedra, convida á veciñanza a seguir o torneo e desfrutar co mellor fútbol en Meirás.