Valdoviño celebra este sábado a X Mostra de Teatro Infantil

Os amantes do teatro teñen este sábado unha cita en Valdoviño. No auditorio da Casa da Cultura celebrarase a partir das 18 horas a Mostra de Teatro Infantil que, este ano, alcanza a cifra redonda de dez anos. E, para celebralo, o programa inclúe actuacións do máis alto nivel. Así mesmo, será o coñecido mago e showman Cayetano Lledó o encargado de conducir o acto e amenizar as pausas necesarias para o cambio de escenario.
 
O programa contará coas representacións de dúas compañías moi especiais: a integrada polo alumnado de 5º A e B de Educación Primaria do CPI Atios e a formada polos alumnos e alumnas da escola de teatro da ANPA Beiramar que dirixe a actriz local Alba Casas.
 
Baixo a dirección da profesora Dolores Freire, 5º A representará « Rosiña a xordiña » e baixo a dirección do mestre Luis Mosquera, 5º B ofrecerá a función « Os doutores da inseguridade social ». En ambos casos, son obras adaptadas polo equipo docente e alumnado e que levan ensaiando ó longo do terceiro trimestre. Non faltará detalle, e incluso os decorados están feitos por eles, nas clases de plástica. Un traballo supervisado pola profesora Tereixa Dopico.
 
No caso da compañía da ANPA Beiramar, porán sobre o escenario un conxunto de obras de microteatro da función «Continuidad de los parques», de Jaime Pujol.
 
A entrada é libre e de balde ata completar aforo e a cita, que promove a Concellería de Cultura de Valdoviño, conta coa colaboración da ACRD Rosalía de Vilaboa e da Asociación Os Amigos.