Os maiores das diferentes parroquias reúnense para celebrar o fin de curso dos obradoiros de musicoterapia

Algúns nin sequera se coñecían, a pesares de vivir a escasos quilómetros, e outros «de vista», pero onte reuníronse na Casa da Cultura de Valdoviño para celebrar unha festa de fin de curso. A dos obradoiros de musicoterapia e +vida que, dende o mes de outubro, se veñen celebrando nas diferentes parroquias de Valdoviño e nos que participan veciños e veciñas maiores de 60 anos. En suma, tomaron parte ó longo do curso, medio centenar de persoas, repartidas nos talleres de Meirás, Pantín, Valdoviño, Vilaboa e Vilarrube. E onte á tarde, todos eles decidían facer unha festa común, á que convidaron tamén ó alcalde, Alberto González, e á concelleira de Servizos Sociais, Rosana García.
 
Na celebración non faltou a comida e a bebida, pero sobre todo o bo humor. Así mesmo, o rexidor avanzou que o Concello reeditará os obradoiros o vindeiro curso. Lembrou que se poñían en marcha hai tres anos cunha filosofía clara : descentralizar as actividades municipais nas diferentes parroquias. Ademais, neste curso ampliábase a duración dos mesmos, pasando de ser talleres puntuais ó longo dun par de meses, a actividades de outubro a maio. E, nesta liña, a edil Rosana García, xa avanzaba que, ante a boa resposta, se está estudando ampliar aínda máis a súa duración.
 
Pero, sen dúbida, o que destacou por riba disto o alcalde foi a vocación de unión dos veciños e veciñas alí reunidos que decidiron a celebración conxunta, creando un espazo de convivencia entre veciños.
 
Para rematar o acto, todos eles fixeron a tradicional foto de familia.