O Concello solicitará á Deputación que asuma a contratación das obras na piscina para acelerar o proceso administrativo

O pleno aprobou esta mañá por unanimidade a petición
 
Os cambios lexislativos introducidos na nova Lei de Contratos da Administración freou durante meses os procedementos
 
Nunha sesión extraordinaria e urxente, o pleno municipal de Valdoviño deu esta mañá luz verde á solicitude á Deputación provincial da Coruña para que asuma a contratación da obra do POS+ Adicional «Proxecto de traballos de conservación e reparación en edificios municipios: Casa da Cultura, Piscina Municipal e Pavillón de Deportes do Longoiro». Na práctica, o alcalde, Alberto González, explicou que esta medida permitirá acelerar substancialmente os prazos de contratación de modo que as obras poidan iniciarse o antes posible. Unha intención compartida por todos os grupos municipais con representación na corporación, que respaldaron o único punto do orde do día por unanimidade.
 
Os cambios lexislativos introducidos recentemente polo Estado na nova Lei de Contratos da Administración, supuxeron un freo ás contratacións en concellos como Valdoviño. Neste contexto, o alcalde explica que queda un escaso marxe para a contratación das citadas obras, especialmente para estar en condicións de abrir no verán a piscina municipal, emprazada en Lago. É por isto que se busca axilizar os prazos encomendando directamente a contratación á Deputación dunha obra completamente necesaria. E é que nas habituais tarefas de mantenemento que se levan a cabo no inverno na piscina os técnicos descubriron un importante problema estrutural que obriga a asumir importantes actuacións en relación á impermeabilización do vaso, renovación de boquillas, canaletas e sumidoiros ou colocación dun novo pavimento en todo o seu perímetro. Imprescindibles para a súa reapertura.
 
Nesta liña, o rexidor confía en que a medida aprobada hoxe en pleno permita acelerar a tramitación e executar as obras no menor prazo posible.