A II Exhibición de Judo Concello de Valdoviño reunirá este sábado a uns 150 deportistas no pavillón do Longoiro

Dar a coñecer o judo e implicar aos máis novos na súa práctica é un dos obxectivos da segunda edición da Exhibición de Judo Concello de Valdoviño que se celebrará este sábado, 2 de xuño, no pavillón municipal do Longoiro, na parroquia de Meirás. A cita, organizada polo Clube Bitácora de Ferrol e a Concellería de Deportes de Valdoviño, reunirá a uns 150 nenos e nenas que a diario adestran no Bitácora e que proceden dos diferentes municipios da comarca. Así mesmo, tamén tomarán parte algúns judokas do Judo Lugo convidados a este evento deportivo.
 
A exhibición dará comezo ás 11,30 horas, con entrada de balde e libre. Iniciarase cun quecemento dinámico e, a continuación, darase paso a xogos de introducción á loita. Rematará cunha exhibición de técnica. O primeiro turno será para os máis pequenos, judokas a partir de 3 anos. Estarán sobre o tatami uns 50 minutos, para dar paso aos compañeiros e compañeiras sub 15, de ata 14 anos.
 
Dende o Concello, o edil de área, Sergio Saavedra, convida a veciños e visitantes a achegarse este sábado ata o pavillón do Longoiro e asistir a un espectáculo único sobre o tatami.