O Concello ampliará o servizo de saneamento en Meirás coa posta en servizo da estación de bombeo da Cubeta

O pleno daba luz verde a unha modificación de crédito que permitirá destinar 139.000 euros do superávit a esta e outras intervencións
 
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, avanzou esta mañá que o pleno municipal aprobou na última sesión celebrada unha modificación de crédito para incorporar 139.000 euros do superávit ó orzamento e, máis concretamente, ó capítulo de investimentos. Así as cousas, con esta partida o Concello levará a cabo diferentes intervencións. Entre elas, a posta en marcha da estación de bombeo da Cubeta, que permitirá ampliar o servizo de saneamento ós lugares de Fornos e Pallotas, na parroquia de Meirás.
 
Outra das actuacións a financiar será a renovación por LEDs de toda a iluminación interior do pavillón municipal do Longoiro, emprazado na mesma parroquia, reducindo así o consumo e, por tanto, a factura eléctrica.
 
Da partida total, 59.000 euros reservaranse para a construción do primeiro campo de fútbol municipal de herba artificial, en Mourente. Fondos municipais que se sumarán á achega da Deputación provincial para esta actuación. Así mesmo, outros 20.000 euros permitirán sufragar un plan municipal de rebacheos nas diferentes parroquias. E, por último, o paquete de intervencións completarase con pequenas actuacións en materia de abastecemento e saneamento.
 
A modificación de crédito contou cos votos a favor de PSOE, BNG e Centristas e a abstención de PP e Unidos por Valdoviño.