O Concello de Valdoviño pecha o prazo de preinscrición no Punto de Atención á Infancia con tan só 4 vacantes

Concluído o prazo de preinscrición no Punto de Atención á Infancia de Valdoviño, o alcalde, Alberto González, avanzou que se cubriron todas as prazas ofertadas agás na franxa de idade de entre os 4 e os 12 meses. Así as cousas, todas as solicitudes serán aceptadas e, agora, as familias deben formalizar a matrícula entregando a documentación requerida nas propias instalacións municipais, emprazadas na Aula da Natureza, ó pé da lagoa e praia da Frouxeira. Trámite que deben cumplimentar entre o 1 e o 15 de xuño.
 
Así mesmo, quedan catro prazas vacantes para nenos e nenas dende os 4 e ata os 12 meses, co que as familias que puidesen estar interesadas tamén poderían solicitalas no Concello.
 
Nesta liña, o alcalde valorou moi positivamente a acollida que está a ter a escola infantil entre as familias con nenos de cero a tres anos de Valdoviño. Lembrou que o Concello poñía en marcha este servizo hai tan só un ano e que, nese tempo, se ten convertido nunha ferramenta clave para a conciliación da vida familiar e laboral.
 
As instalacións están ubicadas nun entorno único como é a zona da praia da Frouxeira e contan no seu interior con dous espazos para o xogo, outro para o descanso, cuartos de baño e cociña. Complétase cunha zona exterior de xardín con elementos para o xogo e unha pequena horta. O seu funcionamento é de 8 a 16 horas de luns a venres, pechando no mes de agosto. Ademais da xornada completa hai opción de media xornada en horario de 9 a 13 horas. Proporcionaráselles almorzo e merenda, así como o xantar ás crianzas que participen da xornada completa, sendo as familias as encargadas de aportalo.
 
A listaxe de admitidos tras o proceso de preinscrición pode consultarse na web municipal (www.concellodevaldovino.com).