Valdoviño celebrou o Día Internacional dos Museos cunha visita guiada por Vicente Irisarri ó Océano Surf Museo

O Concello de Valdoviño conmemorou o pasado venres o Día Internacional dos Museos cunha visita guiada ó Océano Surf Museo. Un percorrido moi especial xa que estivo guiado por Vicente Irisarri, cofundador do Océano Surf Club e un dos inspiradores, xunto a Jesús Busto, do propio museo valdoviñés. Na cita tomou parte un nutrido grupo de veciños de todas as idades e, na mesma, tamén estiveron presentes o alcalde, Alberto González, e a concelleira de Turismo, Rosana García, quenes agradeceron a permanente colaboración de Vicente Irisarri.
 
O Océano Surf Museo está ubicado na Casa da Cultura, edificio singular Premio Nacional de Arquitectura e obra do prestixioso arquitecto Manuel Gallego Jarreto. Ocupa a súa primeira planta, unha gran galería acristalada aberta á praia da Frouxeira e válese tamén da sala de exposicións do inmoble para impulsar mostras temporais e do auditorio, como escenario de ciclos de cine, festivais de música ou charlas e congresos. Conta con paneis informativos, audiovisuais, obxectos únicos e singulares e un espazo de realidade virtual.
 
O museo abre de luns a domingo e a entrada é gratuíta. Os horarios: de luns a venres de 12 a 14 h e sábados, domingos e festivos amplíao tamén á tarde, de 16 a 19 h. Con previa reserva, ofrece visitas guiadas ós centros educativos.